¡Presentación Circuito Verandeportivo, dende Concello de Poio!

rueda_prensa_poio

A PRAIA DE LOURIDO PREPÁRASE PARA ACOLLER AS ÚLTIMAS CITAS DO CIRCUITO PROVINCIAL DEPORTIVO

A concelleira de Deportes, Marga Caldas, presidiu este mércores o acto de presentación das probas que acollerá nas dúas vindeiras fins de semana a praia de Lourido, na parroquia de San Salvador, dentro do circuíto provincial do Verán Deportivo. Trátase dunha iniciativa que xa é un clásico da temporada estival poiense, toda vez que se leva celebrando desde hai unha década (coa excepción do ano pasado, por mor da pandemia da COVID-19) e que, nesta ocasión, conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra, ademais doutras institucións organizadoras.

Caldas Moreira estivo acompañada pola presidenta do club Volei Praia Vigo, Raquel Cameselle, e a deportista Aída Perez. A edil do Goberno local amosou a súa satisfacción polo feito de que Poio acolla as últimas probas dun calendario que se iniciou en xullo, lembrado que “esta é unha aposta polo deporte sostible e os hábitos saudables, ademais de ser un engadido no que á oferta de lecer se refire, xa que son probas espectaculares e dignas de ser gozadas nunha contorna como é a praia de Lourido”.

As citas terán lugar o 7 e 8 de agosto e o 14 e 15 do mesmo mes. Durante a primeira fin de semana o protagonismo será para o volei praia e o futevolei. En ambos casos, haberá competición para deportistas federados e tamén para amateurs, nas categorías feminina, masculina e mixta. Poderán participar, neste último caso, persoas maiores de 16 anos. O peche do calendario, a mediados de agosto, correrá a cargo das competicións de tenis praia. Ademais, Marga Caldas lembrou que esta programación tamén inclúe outras iniciativas a maiores, como sesións formativas en este tipo de disciplinas para as crianzas, que tamén terán lugar en Lourido antes do desenvolvemento dos partidos.

“Mantemos a nosa aposta pola saúde e temos claro que o Deporte é esencial dentro desa filosofía”, incidiu a concelleira nacionalista, que garantiu que o programa se desenvolverá cumprindo con todas as medidas de seguridade marcadas polas autoridades sanitarias. Precisamente, Caldas resaltou que se trata de disciplinas deportivas nas que non existe un contacto físico entre os e as competidoras. Para poder participar nas probas amateur requirirase inscrición previa, a través da páxina web da organización. As infraestruturas deportivas ficarán instaladas xa desde os vindeiros días e ata o 15 de agosto.

Dejar un comentario
Búsqueda de eventos
Organizia